Monday 06 de May de 2024

Augas de Galicia analiza con concello de Sada distintas actuacións en materia de saneamento


O director de Augas de Galicia e o alcalde de Sada mantiveron hoxe un encontro no que estudaron distintos proxectos de saneamento para o concello

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, reuniuse co alcalde de Sada, Benito Portela, xunto cun equipo técnico de ambas administracións, co fin de analizar as distintas propostas que quere presentar esta localidade coruñesa á administración autonómica en materia de augas.

Así, con respecto ás propostas do concello en materia de saneamento, como o tanque de tormentas e o bombeo intermedio da Edar de Sada, desde a administración autonómica indicaron que o primeiro paso é realizar unha avaliación da rede de saneamento da vila coruñesa para determinar a necesidade e idoneidade destas instalacións e, posteriormente, de ser o caso, realizar os proxectos correspondentes, co orzamento preciso para cada actuación co fin de incluílo no plan de investimentos do departamento de Augas de Galicia.

Con respecto á mellora do cauce urbano do río Maior, acordouse realizar un maior afondamento por parte dos técnicos das distintas alternativas que poidan existir para sacar adiante unha proposta destas características, tendo en conta as limitacións urbanísticas que existen.

Durante o encontro analízaronse tamén as posibles causas das inundacións dos pasados días, onde os técnicos incidiron na confluencia de varios fenómenos excepcionais durante horas nun mesmo sitio. Neste senso, tamén se destacou que os cauces dos ríos estaban en perfectas condicións de limpeza, dadas as últimas actuacións que se tiñan desenvolvido neles desde o departamento de Augas hai poucos meses.